Vigo en tres días
Do Vigo urbano á ría
Pasar unha ponte en Vigo permitirache somerxerte con tranquilidade nas rúas, a historia e as paisaxes que ofrecen a cidade e a súa ría, alternando turismo urbano e de natureza sen apenas desprazamentos.
DÍA 1: Empeza a túa estancia visitando as nosas orixes, o poboado castrexo da Idade de Bronce que se sitúa aos pés do Monte do Castro. Aproveita para percorrer este fermoso parque, en cuxo cumio está un dos miradoiros máis espectaculares de Vigo, e despois baixa cara á zona histórica da cidade para facer unha parada en Salinae, unhas antigas salinas romanas. Aproveita o resto do día no centro: podes organizar unha tarde de museos na milla de ouro cultural da cidade, que inclúe o museo MARCO, o Centro Cultural Novacaixagalicia, a Fundación Barrié, a Casa das Artes… Ou podes somerxerte nas ruelas cheas de vida do Barrio Histórico, visitar as súas tendas de artesanía, comer nalgún dos seus restaurantes ou probar as nosas ostras na Rúa das Ostras. Se aínda non esgotaches as horas do teu primeiro día en Vigo, convidámoste a sentarte nunha terraza da Alameda ou da rúa Montero Ríos para despedilo.
DÍA 2: Para o segundo día de visita propoñémosche deixar o centro para coñecer os nosos barrios. Empeza por Alcabre, na zona costeira, parando no Museo do Mar de camiño ás praias de Samil ou o Vao. Se es dos que goza ao sol como un lagarto, a nosa proposta termina aquí: goza do día nunha destas dúas praias e remátao ceando nalgún restaurante de Canido, onde degustarás os mellores produtos da nosa ría a bo prezo. Se a praia non é o teu, non deixes a zona costeira: tes un xacemento arqueolóxico en plena praia, a Vila Romana de Toralla, e a tiro de pedra polo menos dous parques forestais: Coruxo e Saiáns, onde poderás practicar sendeirismo, ciclismo e incluso organizar un pícnic para a túa familia: tes grellas, mesas e fontes á túa disposición. Escollas o plan que escollas, tamén tes a opción de despedir o día no emblemático barrio mariñeiro de Bouzas, onde tras recorrer a súas empedradas ruelas ou o seu Paseo Marítimo poderás cear en calquera das súas decenas de fantásticos restaurantes.
DÍA 3: E para terminar a túa estancia en Vigo tes que introducirte na nosa ría: é unha experiencia que poucas cidades che ofrecen, non a desperdicies. Colle un barco a Cíes na Estación Marítima de Ría e pasa unha xornada inesquecible neste Parque Nacional Marítimo-Terrestre. Praias paradisíacas, como Rodas, rutas de sendeirismo, restaurante, camping… en Cíes encontrarás propostas de todo tipo para pasar un día en plena natureza.
Se non viñeches en verán ou Semana Santa non poderás ir a Cíes, pero si gozar da nosa ría paseando polo Peirao de Transatlánticos e os xardíns das Avenidas en dirección ao monte da Guía, desde o que se contemplan unhas inmellorables vistas de toda a ría.
Poderás solicitar toda a información que precises de exposicións, horarios de barcos, prezos de entradas, etc., chamando, cando a esteas en Vigo, ao número gratuíto de información local 010.