O porto en 100 minutos

Percorre a orixe e motor de Vigo en menos de 2 horas

Se vés de fin de semana a Vigo ou nunha viaxe en grupo á cidade, invitámoste a facer unha ruta polo porto de Vigo en menos de dúas horas. Fácil e cómoda, O Porto en 100 minutos é un paseo imprescindible para coñecer a orixe de Vigo.

Vigo naceu e creceu grazas ao seu porto. É un dos máis importantes do mundo en descargas de pesca, con espazo para os transatlánticos, os iates e os estaleiros. Percorrelo é como viaxar polas veas que enchen de osíxeno a cidade. E pódese facer en pouco menos de dúas horas.

O noso percorrido empeza no centro, na parte baixa do barrio histórico, onde podemos degustar as ostras que experimentad@s ostreir@s abren e serven na mesma rúa. Na mesma dirección, seguindo adiante, chegamos á rúa Laxe, onde hai numerosos locais nos que probar a gastronomía galega, dominada polos produtos do mar e os viños Rías Baixas.

O paseo segue entre edificios señoriais como o Hotel Universal, para ascender pola súa esquerda ata desembocar en dous tranquilos parques: a Alameda, na Praza de Compostela e, xirando novamente cara ao mar, o paseo das Avenidas. Por este último camiñaremos en paralelo ao porto deportivo da cidade. Cara a desembocadura da ría, acabaremos no Peirao de Transatlánticos, dominado pola súa Estación Marítima, desde cuxo extremo teremos unha panorámica de todo o porto: o peirao de contedores e algúns estaleiros cara ao este e a zona pesqueira, de carga de vehículos e máis estaleiros cara ao oeste.

Na mesma dirección, chegaremos ao barrio histórico, o núcleo mariñeiro orixinal da cidade, alí onde as barcas se amarraban nos soportais que aínda hoxe se conservan e que antes se levantaban case sobre a area. Fronte á praza álzase hoxe a lonxa de Vigo, unha das máis importantes do mundo. E, tras ela, unha sucesión de peiraos que dan descanso aos barcos antes da súa seguinte singradura.

Pistas e recomendacións: 

O extremo do Peirao de Transatlánticos ofrece unha excelente vista da ría e o porto.

No barrio histórico, a rúa A Peixaría, a famosa rúa das ostras, é unha visita gastronómica imprescindible.

Galería de imaxes: 
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo

Información práctica

Distancia: 2 quilómetros.

Duración do percorrido: algo máis dunha hora e media con paradas.

Dificultade: sinxela.

Tipo de ruta: non circular.