Ensanche

Un paseo polo Vigo Señorial

O Ensanche é o Vigo señorial, no que levantaron as súas vivendas os conserveiros cataláns que fraguaron a cidade moderna no século XIX: edificios emblemáticos que aínda podes admirar, paseando tranquilamente polo centro de Vigo.

A súa zona comercial e cultural aglutina a maior oferta de ocio en Vigo: música e espectáculos, museos e exposicións e innumerables comercios, desde tendas de moda a galerías de arte.

Visita obrigada é o contorno de Montero Ríos, co Parque da Alameda, rodeado de elegantes edificacións de pedra con fachadas impoñentes. A súas rúas peonís son perfectas para pasear en familia e chegar camiñando ata a ría de Vigo. Esta penetra no Ensanche a través do porto deportivo do Real Club Náutico, cuxa sede é un orixinal edificio-barco.

O paseo que discorre pegado ao porto deportivo levarate, a un lado, cara ao Centro Comercial A Laxe, e ao outro, cara ao espigón, que termina no faro vermello. Este é un dos lugares máis románticos de Vigo: se o percorres, darache a impresión de estar en medio do Atlántico e, desde alí, poderás gozar dunha das mellores postas de sol.

Pistas e recomendacións: 

Para descubrir os segredos desta zona nobre do centro de Vigo, segue as nosas Rutas “Vigo Señorial” e Paseos pola arquitectura. A través dos códigos QR podes ler no teu móbil toda a información, paso a paso.

Turismo de Vigo
Turismo de Vigo