Ruta do Faro da Porta

Bordea a costa máis meridional do Faro

A ruta do faro da Porta nas Illas Cíes propón un percorrido pola costa máis meridional da illa do Faro. Menos coñecido e transitado que a ruta do monte Faro, este sendeiro natural de Cíes permite unha visión das illas máis próxima ao mar. Á altura da caseta de información de Cíes hai que tomar o camiño da esquerda e dirixirse ao dique que une a illa de Monte Agudo coa illa do Faro. Nesta segunda continúase polo camiño principal deixando atrás o cámping e o observatorio de aves. Tras introducirnos na illa e volver saír á súa costa, o camiño chega á altura da praia de Nosa Señora. Alí hai un cruce de camiños: temos que tomar a pista que continúa de fronte, deixando á esquerda a praia.

O camiño bordea a costa sur da illa do Faro pola súa parte baixa e comunica co embarcadoiro de Carracido. Desde ese pequeno peirao, o camiño comeza a ascender lixeiramente ata chegar ao faro da Porta. Gozaremos das vistas panorámicas sobre a illa de San Martiño, a máis meridional do arquipélago e a única que non está comunicada con barcos de liña regular.

Esta ruta natural do faro da Porta está conectada a medio percorrido co sendeiro que ascende ata o faro que hai no cumio da illa e co observatorio de aves.

Galería de imaxes: 
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo

Información práctica

Distancia: 5 quilómetros.

Duración do percorrido: unha hora e media.

Dificultade: baixa.

Tipo de ruta: non circular.