ÉRASE UNHA VEZ ... O NADAL EN VIGO
xoves, 12 Decembro 2024
Érase unha vez...
Un lugar máxico no que, durante o Nadal, as árbores, os bonecos de neve e os libros de contos se iluminan e se fan xigantes para que a todo o mundo se lle debuxe un sorriso ao velos.
@s nen@s poden patinar sobre xeo, dar unha volta na Gran Noria ou chamar á porta da casa de Papá Noel e contarlle en persoa o bos e boas que foron ...
Todos os días, ás seis da tarde, un botón secreto acende as luces e adornos do Nadal do lugar, para que a xente poida pasear pola noite e sacarse todas as fotos que queira, rodeados de música e cores.
Aqueles que están un pouco máis cansos, ou teñen présa, poden subirse ao “Tren do Nadal” ou o "NadalBus" que, cando anoitece, percorre a cidade para que os seus pasaxeiros poidan gozar da iluminación do Nadal, de forma rápida e cómoda.
Tamén é moi divertido percorrer tendas e mercados buscando agasallos de amigo invisible ou para axudar aos elfos cos encargos de Nadal...
A última noite do ano, a xente reúnese nas súas casas ou na “Praza de América” para comer as 12 uvas ao son das badaladas. E despois abrázanse, bícanse e saen a divertirse ata o amencer. Os máis larpeiros non se van á cama sen antes almorzar o xa tradicional chocolate con churros.
Pero o mellor de todo é que, pode pasar de todo en calquera momento e en calquera lugar: persoas que se poñen a bailar de súpeto, papanoeis en moto, coros cantando panxoliñas ou as SS.MM. os Reis Magos de Oriente paseando as súas carrozas e repartindo caramelos.
E como se chega a este lugar extraordinario? Preguntarédesvos.
Moi sinxelo: Pechades os ollos, desexádelo moi forte e... vides a Vigo.
Aquí, o Nadal non se conta, vívese.
+ info: https://hoxe.vigo.org/navidad/nadal_vigo.php?lang=gal