Vigo contracultura

Vigo é Contracultura: unha cidade de espírito incansable, rebelde, urbano e creativo. Actitudes con raíces no fin da ditadura franquista, que emerxeron apoiadas en novas ideas e exemplos revolucionarios chegados do exterior a través do porto de Vigo.

Tras os anos 60 e a irrupción do rock n´roll, coas primeiras bandas locais que adaptan os estándares anglosaxóns, os 70 comezan con represión policial nas rúas e a chegada do pelo largo e o hipismo. A primeira xeración da contracultura local mestura sen problemas a loita política con ideas máis propias do movemento e coa canción protesta. Pero cara a finais dos 70 séntese o farto dos máis novos cara á política como a entendían os seus maiores.

Deste xerme nace, en 1981, a Movida de Vigo, un movemento artístico, musical e estético. Siniestro Total,  grupo de cabeceira, dá ese ano o seu primeiro concerto abrindo a etapa máis tola e complexa da cidade.

Floreceron as artes plásticas, co grupo Atlántica, pintores e escultores de nivel internacional como Antón Patiño, Francisco Leiro, Menchu Lamas ou Antón Lamazares. A poesía, co Grupo de Comunicación Poética Rompente, formado polo tamén músico Antón Reixa, Manolo Romón e Alberto Avendaño. E destacaron o deseño de moda, a estética, o cómic, o teatro ou a videoarte.

Pero a música foi o motor. A música foi a que puxo a Vigo no mapa da contracultura. Xunto a Siniestro Total xurdiron Os Resentidos, Golpes Bajos, Semen Up, Aerolíneas Federales e moitos outros. Salas como O Manco, Kremlin ou Ruralex eran os puntos de encontro. Con menos de 300.000 habitantes, Vigo rivalizaba entonces con Madrid e xerábase unha conexión cultural sen precedentes entre ambas.

Cos 90 cambian os símbolos, sempre heteroxéneos. A Iguana Club, templo do rock aínda en activo, abre as súas portas en 1990 ao máis notable do panorama independente internacional; Ruralex transfórmase en Vademecwm, casa da electrónica de vangarda, e incluso o techno tivo o seu lugar de referencia con Óxido. Vigo segue producindo bandas que trunfan no panorama nacional (Killer Barbies, Los Piratas ou La Marabunta).

No novo milenio nacen novas propostas, abren galerías de arte, a zona de Churruca volve a pórse de moda, por fin a cidade ten Museo de Arte Contemporánea. Festivais como Sinsal, Vigo Transforma ou O'Marisquiño, bandas como Catpeople ou The Blows, DJs e colectivos como Viktor Flores ou Arkestra e artistas como Nano 4814 ou Jorge Perianes sitúan Vigo entre as formas de arte máis avanzadas.

É o último chanzo, ata o momento, dunha cidade nova, dun lugar no mundo con espírito underground no que todos os movementos heterodoxos e periféricos teñen reflexo.