Sendeiro As Greas GR-58
Cruza toda a comarca de Vigo
O sendeiro GR-58 cruza toda a comarca de Vigo e é unha das maiores rutas de sendeirismo de Galicia. Pódese dividir en tramos de menor entidade, como o aquí proposto e no que se poden atopar espectaculares manadas de cabalos salvaxes (as greas, en galego) que dan nome á ruta. O sendeiro ofrece elementos etnográficos e arqueolóxicos.
O percorrido da senda por Vigo coincide en gran medida coa Senda Panorámica de Vigo GR-53. Iníciase no límite con Nigrán e Gondomar, na cima do Alto de Canabal. Desde alí descende ata Vincios e A Pasaxe e, seguindo o leito do río Zamáns, pasa polo encoro e intérnase no Campus Universitario. Tras pasar por detrás das instalacións recreativas do Círculo Mercantil, xunto ás que hai unha mámoa, a ruta descende lixeiramente ata o Alto de Puxeiros e introdúcese nunha zona repoboada de bosque autóctono.
Este tramo vigués da ruta GR-58 pasa xunto ao aeroporto de Vigo, por unha zona de recreo xunto á que nace o río Lagares, e ascende ata o monte Vixiador, en Candeán, no que se conserva outra importante mámoa.
Todo este percorrido do Sendeiro das Greas entre o límite de Vigo con Nigrán e o parque forestal do Vixiador supón uns 30 km, pero a súa proximidade a diversas vías de comunicación permite dividilo facilmente en varias etapas.
A diferenza da Senda GR-53, que no seus extremos achégase máis ao mar, a ruta GR-58 discorre sempre a maior altura, polo que os seus primeiros tramos teñen unha menor dificultade.
Todo o percorrido dispón de numerosas áreas de descanso, parques e establecementos hostaleiros nos que poder avituallarse.
O transporte público chega a ambos extremos da ruta.
Información práctica
Distancia: 30 quilómetros divisibles en tramos.
Duración do percorrido: oito horas.
Dificultade: baixa.
Tipo de ruta: non circular.