Ruta do Monte Agudo
Paseo entre os bosques das Illas Cíes
A ruta do Monte Agudo é un paseo natural entre os bosques das Illas Cíes. Iníciase na caseta de información xunto ao peirao. Xiramos á dereita, en dirección á praia de Figueiras. Ao chegar ao principal cruce de camiños da illa, seguimos recto ata a faldra do alto de Monte Agudo e, nunha bifurcación, xiramos á esquerda para dirixirnos a un observatorio de aves orientado cara á costa máis escarpada das illas, a que mira cara ao océano: lugar ideal para ver os centos de gaivotas patiamarela que poboan o parque.
Desde ese observatorio tamén se obtén unha boa panorámica das Illas Cíes e a veciña costa do Morrazo. De feito, retrocedendo un pouco polo camiño seguido ata aquí e xirando á esquerda poremos acercarnos ata o faro do Peito, o punto das Cíes máis próximo ao continente, a apenas 2 km e medio do cabo Home. Desde alí apréciase a illa de Ons, na entrada da ría de Pontevedra, outra das que compoñen o Parque Nacional.
Este é un percorrido curto que en gran parte se realiza por zona arborada e só ao final, no alto do monte, queda desprotexido, polo que a camiñada resulta agradable a pesar da súa pendente e do irregular do terreo nalgúns puntos. Ademais, hai elementos botánicos destacados como o fiúncho e a armería ou herba de namorar.
A praia de Figueiras xunto á que pasa este percorrido é nudista.
Información práctica
Distancia: 5,5 quilómetros.
Duración do percorrido: unha hora e 45 minutos.
Dificultade: media.
Tipo de ruta: non circular.