Vigo Marítimo
Un percorrido entre o mar e a pedra
O paseo polo Vigo marítimo é unha opción perfecta para amantes do mar e a historia. Un percorrido sinxelo polo Vigo señorial permite contemplar nunha hora e media a arquitectura máis ligada ao mar, a zona pola que se estendeu a urbe cando comezou a desbordar as súas históricas murallas. É o seu primeiro ensanche urbanístico, un trazado de rúas de interese en si mesmo máis alá dos edificios que acolle.
Comezamos o percorrido na oficina de turismo, xunto ao Peirao de Transatlánticos. Desde alí vese xa a silueta do Hotel Universal, un deses edificios xurdidos do poderío marítimo da cidade e que tras a súa recuperación mantivo a terraza exterior que o fixo famoso punto de encontro.
Tras el, está o Parque da Alameda ou Praza de Compostela, un parque-xardín alargado en torno ao cal se van sucedendo edificacións encargadas no seu momento por empresarios, consignatarios de buques ou industriais a algúns dos mellores arquitectos do país, como Jenaro de la Fuente.
Ao final do parque, á esquerda, atópase outro tipo de arquitectura tamén ligada ao mar pero moito máis recente. No marco da recuperación do borde costeiro da cidade iniciado fai un par de décadas, realizáronse novos edificios administrativos, como o complexo da Xunta de Galicia que se alza presidindo a Praza da Estrela. Espazos como este e os parques e paseos que salpican a zona deseñáronse co obxectivo de dar aos cidadáns unha zona de goce xunto ao mar. O resultado son espazos como o paseo das Avenidas, xunto ao porto deportivo, Premio Nacional de Arquitectura.
Desde alí, volvendo ao punto de inicio da ruta está a sede do Real Club Náutico de Vigo, levantada a modo de buque meténdose no mar, e a Estación Marítima, o gran edificio terminal do que partiu a emigración galega a ultramar e ao que hoxe chegan os máis modernos transatlánticos. Son dúas mostras paradigmáticas da simbiose da arquitectura da cidade co océano que lle dá vida.
Descargar folleto: http://issuu.com/turismodevigo/docs/vigo_maritimo
O percorrido está salpicado de numerosos bancos e terrazas nas que descansar.
A Estación Marítima adoita acoller exposicións temporais.
Información práctica
Distancia: 2 quilómetros.
Duración do percorrido: unha hora e media con paradas.
Dificultade: baixa.
Tipo de ruta: circular.