Alcabre
Un barrio repleto de praias fantásticas
Alcabre é praia e mar. Preto do centro, seguindo a costa desde o porto de Vigo, agocha as praias favoritas dos vigueses: entre semana son moitos os que se achegan a Alcabre para comer nalgún dos seus bos restaurantes ou tomar o sol e descansar nas marabillosas calas, pequenos areais que salpican a costa a ambos os lados do impresionante Museo do Mar. Conserva a pegada dos seus primeiros habitantes, que se remontan a 6.500-4.500 anos a.C. Moito despois, pisouna o corsario británico Drake, que —segundo a lenda— desembarcou na praia de Santa Baia, pero foi expulsado polos veciños cos seus útiles de labranza.
Alcabre alberga un interesante conxunto de arquitectura relixiosa do século XVIII formado pola igrexa, a casa reitoral e o cemiterio, case pegado ao mar.
Ademais das praias do Cocho e Mourisca, podes pasear a pé de mar pola estupenda praia de Santa Baia, en dirección a Bouzas, seguindo a Senda Azul.


Información práctica
Habitantes: 2.481