COMER E IR DE TAPAS POR VIGO

Turismo de Vigo

A arte de tomar as ostras naceu en Vigo no barrio histórico. Non se sabe desde cando, pero xa eran famosas entre a tropa francesa durante a Reconquista! Na rúa da Pescadería ou das ostras desfrútase ao mediodía destes deliciosos bivalvos acompañados dun bo albariño, un ribeiro ou unha cana de cervexa. É todo un espectáculo o das ostreiras a abrir o seu fresquísimo produto con incrible habilidade e rapidez, moi celebrada pola multitude de clientes que apenas teñen que agardar mentres se despachan centos de ostras.

O noso exquisito e recoñecido marisco e peixe fresco, procedente de todos os mares, tamén se converteu en tapa: preparado segundo a tradición ou co singular saber da cociña de autor. É algo que podemos apreciar tanto nos restaurantes máis selectos como nas modernas taperías, nas tabernas tradicionais ou na terraza de calquera bar, ao mediodía ou polo serán. E, como dicimos en Vigo, non esquecemos o famoso "marisco de cortello", que son as nosas carnes maridadas coas hortalizas frescas dos vales que rodean Vigo.

Outra das tradicións máis singulares e arraigadas da alegre noite viguesa consiste en quedar cos amigos para ir ver o solpor na praia ou nos peiraos, para comezar xuntos e con bo pé as rutas de tapas: Casco VelloEnsanche, BouzasO CalvarioAs Travesas... (a app Turismodevigo pode guiarte) antes de mergulláreste na marcha nocturna ou de ires a un concerto ou ao teatro e pasear pola cidade iluminada.