Ruta para cruceiristas
Un paseo circular polo Ensanche e o barrio histórico
Esta ruta urbana por Vigo en 90 minutos permitirache descubrir o Vigo máis esencial nun paseo curto e entretido. Se chegas a Vigo nun cruceiro ou estás planeando unha fin de semana en Vigo, con esta ruta de menos de 2 horas poderás aproveitar para dar unha volta polo centro histórico e coñecer os elementos que fan de Vigo a cidade máis moderna de Galicia. Saíndo desde o Peirao de Transatlánticos ata o mesmo corazón de Vigo.
Para comezar nada mellor que un paseo polos xardíns das Avenidas, a fronte marítima da cidade, que deixan o porto deportivo á esquerda e desde os que hai unha vista despexada de toda a ría. Ao longo dese paseo marítimo e do paralelo parque da Alameda, na Praza de Compostela, pódense apreciar uns excelentes exemplos da arquitectura señorial de Vigo de finais do século XIX, cando a cidade comezou o seu maior desenvolvemento. Na rúa Policarpo Sanz, subindo desde a Praza de Compostela pola rúa Colón, álzanse os edificios máis significativos da milla de ouro da arquitectura viguesa, como o Teatro García Barbón ou as sedes de varios bancos.
Seguindo a rúa Policarpo Sanz, o percorrido desemboca na Porta do Sol, que recibe o seu nome por ser esta unha das principais portas de entrada ás antigas murallas. Nesta praza álzase o Sereo, escultura metade peixe, metade home que simboliza a simbiose de Vigo e o mar. Alí empeza a peonil e comercial rúa Príncipe, en cuxo final se atopa o Museo de Arte Contemporánea. Tras percorrer esa buliciosa rúa ata o final podemos xirar á dereita detrás do museo e volver cara atrás pola vía paralela, tamén repleta de tendas.
De volta na Porta do Sol, cruzamos cara ao barrio histórico pola Praza da Constitución, onde se alza a antiga casa do concello. Desa praza porticada parten varias rúas con tendas de artesanía e produtos gastronómicos típicos.
En ruta polas rúa do barrio histórico cara ao mar pasaremos xunto á Colexiata de Santa María, a principal igrexa da cidade, e desembocaremos nunha pasarela aérea que atravesa cara ao Centro Comercial A Laxe, no Peirao de Transatlánticos, unha zona de gastronomía galega excelente, na que destacan os produtos do mar e os viños con denominación de orixe Rías Baixas.
Os extremos dos diques que abrazan e protexen o porto deportivo, xunto co extremo do Peirao de Transatlánticos, son excelentes miradoiros a pé da ría de Vigo.
Desde o Peirao de Transatlánticos hai unha pasarela de comunicación directa coa plaza da Pedra e o barrio histórico cunhas vistas da ría de Vigo únicas.
As ostreiras da Pedra están todas as mañás do ano, e tamén tardes e noites do verán.
O Marco abre todos os días do ano agás os luns.
Información práctica
Distancia: 3 quilómetros.
Duración do percorrido: unha hora e media de paseo con paradas.
Dificultade: sinxela.
Tipo de ruta: circular.