Chocos na súa tinta
A receita tradicional de chocos na súa tinta é un guiso mariñeiro moi popular, que adoita acompañarse de arroz branco.
Ingredientes: chocos frescos da ría non moi grandes, cebola, allo, pemento moído, pirixel, aceite e sal.
Pide na peixaría que chos limpen e que garden as bolsas de tinta.
Pon unha cazola, a lume lento e cubre o fondo con aceite. Pica a cebola e esmaga o allo, bótaos no aceite e deixa dourar.
Cociñar os chocos: engade os chocos para que se fagan durante uns 10-15 minutos, tamén a lume lento, tendo coidado de que non se peguen. Engade o pemento moído doce ao gusto e dálle unha volta.
Por último, engade a tinta, esparexe o pirixel e deixa outros dez minutos a lume lento, mentres moves a tixola para ligar a salsa. Un toque de bo viño branco, ribeiro ou albariño, séntalle estupendamente e se abres a botella podes acompañalos con ela e cun bo anaco de pan de Cea.