O MUNDO "VÍA VIGO"
martes, 16 Marzo 2021
Escoitaches algunha vez a apaixonante historia do Cable Inglés?
En 1873 instalábase no nº 20 da rúa Real, en pleno corazón do barrio histórico de Vigo, a sede da Eastern Telegraph Company, a maior empresa telegráfica do mundo.
A seguridade que ofrecían o Porto e a Ría para o amarre do cable foi unha das razóns que fixeron posible que, a través de Vigo, Europa coñecese noticias e acontecementos de importancia clave para o devir da historia.
A chegada do cable telegráfico submarino e dos seus traballadores británicos transformou a sociedade e os costumes vigueses. Naceron as primeiras axencias xornalísticas, construíronse fábricas de cervexa e tiveron lugar os primeiros partidos de fútbol, rugby e tenis de mesa.
Cóntoche un segredo? Se te achegas á praia de Alcabre cando a marea baixa, o mar deixarache ver os restos dun dos cables submarinos que conectaban Vigo co mundo. Unha vez alí, fíxate nunha casa que está por encima da praia, a súa fachada aínda conserva as iniciais ETC.
No centro da cidade tamén poderás visitar o lugar onde os telegrafistas tiñan a súa residencia: a rúa Taboada Leal, na ladeira do parque O Castro. As oficinas da compañía tiveron a súa 1ª e 2ª sede no actual edificio de Correos e Telégrafos e na Casa Bárcena respectivamente. Nesta última estaba o reloxo do Cable Inglés, que marcaba a hora a toda a cidade, sincronizado ao segundo co meridiano de Greenwich.
Ven a coñecernos e conecta coa historia “Vía Vigo”
Fotografía: Arquivo José Ramón Cabanelas