Vigo Señorial
Rúa pola cidade burguesa
Un paseo pola arquitectura do Vigo señorial levarate ata finais do século XIX, cando a burguesía viguesa, en pleno apoxeo, comezou a encargar grandes edificios tanto para as súas residencias como para as sedes das súas empresas e institucións. Sacando o máximo partido da pedra, o material por excelencia da construción en Galicia, salpicaron a cidade de auténticas obras de arte.
Este paseo interactivo sae do barrio histórico, na parte alta, pola Porta do Sol. Alí xa se poden contemplar inmobles únicos, como o edificio Simeón ou El Moderno. Seguindo pola rúa Policarpo Sanz, os edificios señoriais van marcando o percorrido, destacando especialmente o Teatro García Barbón, do arquitecto Antonio Palacios.
O percorrido pola rúa Policarpo Sanz e pola súa continuación, a avenida García Barbón, supón a auténtica milla de ouro da arquitectura viguesa. Pero nas súas inmediacións hai moitos máis edificios destacables: á altura do edificio Curbera, a ruta desvíase á esquerda pola rúa Porto ata chegar aos xardíns da rúa Areal, onde verás edificios que marcan o carácter burgués daquela época.
De regreso cara ao punto de partida, é necesario un desvío para entrar na estreita rúa Marqués de Valadares, que discorre paralela ás de Areal e Policarpo Sanz, xusto entre ambas. Tamén nesta rúa hai varios edificios imprescindibles, dedicados orixinalmente a sedes de empresas, e varias construcións de tipo racionalista.
A ruta termina dirixíndose novamente á súa orixe, xunto ao porto deportivo do Real Club Náutico, fronte ao que se alza o Hotel Universal, que coa súa terraza foi hai décadas unha icona da cidade e cuxas pedras volven lucir desde hai uns anos todo o seu esplendor.
Descargar o folleto en PDF: http://issuu.com/turismodevigo/docs/vigo_se__orial
Goza dun refrixerio matutino nalgunha das cafeterías clásicas do Ensanche.
O contorno da rúa Porto e Areal é ideal para facer unha parada e tomar unhas tapas.
Información práctica
Distancia: 2 quilómetros.
Duración do percorrido: unha hora e media con paradas.
Dificultade: media-baixa.
Tipo de ruta: circular.