Transporte público
O transporte público en Vigo é a opción máis cómoda para moverse por toda a cidade sen apuros. Ao tratarse dunha cidade grande, circular en coche pode resultar complicado, sobre todo se é a primeira vez que nos visitas, así que o mellor é que te despraces en bus e en taxi.
O bus urbano en Vigo
En Vigo, bus urbano é sinónimo de Vitrasa, a empresa concesionaria do servizo público de transportes; non te sorprendas ao descubrir que en Vigo todo o mundo chama vitrasa ao autobús. Na súa web, poderás buscar unha ruta específica para planificar o teu desprazamento ou descargarte unha aplicación para o móbil ( Moovit Vigo ) e informarte en tempo real. Tamén hai liñas de bus nocturno e, en verán, liñas especiais para praias.
Taxi en Vigo
Se che gusta máis a autonomía que ofrece o taxi, en Vigo non terás problema para localizar un. Resultarache moi cómodo para moverte no centro de Vigo e por barrios, xa que ten un prezo atinxible e permitirache desprazarte con rapidez dun punto a outro da cidade.