Etnografía de Vigo
Propostas para coñecer a historia de Vigo e os seus costumes
Os segredos da etnografía de Vigo son claves para coñecer a historia de Vigo: o pasado da cidade está nas súas rúas, nos seus barrios, nos seus costumes, nas raíces da súa industria e nunha herdanza cultural rica e diversa. Para comprender a esencia do percorrido histórico que fixo Vigo ao longo dos anos, nada mellor que visitar os que son os mellores centros arqueolóxicos do sur de Galicia e os museos de etnografía de Vigo:
A primeira parada, que che aportará a visión máis completa da evolución histórica de Vigo é o Museo Quiñones de León. Poderás observar os primeiros trazos da poboación desde os restos de achados prehistóricos: bifaces paleolíticos, puntas de frecha neolíticas, os primeiros restos cerámicos e de metal… avanzando na historia de Vigo ata a Idade Media. Tamén poderás recrear a vida dos señores na túa visita ao Pazo Quiñones de León, retomando o percorrido histórico e artístico desde o século XV e ata a actualidade.
No xacemento do Monte do Castro poderás asomarte á vida dos primeiros homes da historia de Vigo para comprender a cultura castrexa, e na Vila Romana de Toralla e Salinae seguir a pista do asentamento romano que foi Vicus Spacorum.
Descubrirás tamén os oficios tradicionais e aspectos diversos da cultura galega no Museo Liste, o museo etnográfico de Vigo por excelencia. Ademais poderás ver no seus xardíns, algunhas construcións tradicionais de gran valor etnográfico, como un hórreo, unha fonte ou un lavadoiro.
E se queres botar unha ollada fidedigna e sorprendente á industrialización de Vigo, non podes deixar pasar a visita ao Arquivo Pacheco, que recolle en imaxes a historia de Vigo desde finais do século XIX ata a década dos anos 70: a actividade pesqueira, o desenvolvemento urbano, os costumes da época… Todos os aspectos de Vigo reflectidos por esta familia de fotógrafos.
Deseña a túa ruta etnográfica por Vigo á túa maneira e descubre o noso pasado para comprender o noso presente.
Encontrarás algunhas claves básicas para manexarte a través da nosa historia no noso dicionario etnográfico de Vigo, e se queres afondar nas diferentes eras da civilización en Vigo, visita a nosa Guía Histórica de Vigo, un percorrido polo pasado da cidade: da Prehistoria alo Vigo Castrexo (desde a Idade de Ferro ao s. I d.C.), a Romanización e a Idade Media, ata os nosos días.