Polbo á feira
O polbo “á feira“ é unha tradicional receita que encontrarás en todas as festas tradicionais galegas, e na carta da maioría dos restaurantes.
Ingredientes do polbo “á feira“: polbo, auga, aceite, pemento moído doce e sal mariño groso.
Preparar o polbo: se o polbo é fresco debe mazarse dándolle (segundo manda a tradición) 33 golpes sobre unha superficie dura, por exemplo, as rochas da praia ou un alzadeiro resistente. Outra opción é conxelalo previamente.
Ponse auga abundante sen sal a ferver, preferentemente nunha cazola de cobre. Se conxelamos o polbo, desconxelámolo completamente antes de cociñalo. Se se mazou, estará listo para ser cociñado.
Cocer o polbo: límpase entre tanto o polbo, quitando as tripas da cabeza, a boca, os ollos r fregando ben as ventosas. Cando a auga rompe a ferver, “asústase“ o polbo: cóllese pola cabeza e introdúcese na auga mergullándoo e levantándoo da auga fervendo tres veces seguidas. Tras esta operación veremos que os tentáculos se rizan, entón deixámolo na auga e cando comeza a ferver contamos 30 minutos e probamos, pinchándoo, se está no seu punto.
Presentar o polbo “á feira“: pasado o tempo de repouso na auga quente (uns 20 ou 30 minutos máis), retírase o polbo, cunha tesoira córtase en toros de ½ cm de grosor, disponse nun prato (preferiblemente de madeira) e sazónase cun bo aceite de oliva virxe, sal mariño grosa e o pemento moído doce ou picante, ao gusto. Un bo tinto de Barrantes ou da Ribeira Sacra e un bo pan do país son imprescindibles para degustalo.