VÍSTETE DE RECONQUSITA (MULLER)
luns, 21 Febreiro 2022
A falta de documentación impide coñecer de forma exhaustiva o que podería ser o traxe dos nosos antepasados alá polo 1809. Aínda así, e a través de documentación escrita, gravados e cadros podemos facer un estudio aproximativo.
En tódalas épocas as clases sociais e os diferentes gremios de artesáns distinguíanse pola súa vestimenta, xa que canto maior era o nivel adquisitivo, mellores prendas aparecían e se ían mesturando con outras.
As mulleres de cotío levaban na cabeza cofia ou pano da cabeza de lá floreado ou de seda anoado detrás, engadindo a mantilla para ir a misa. Se traballaban ao sol, empregaban sombreiros de palla. Xeralmente, os seus cabelos eran longos facendo unha trenza que enrolaban nun moño baixo a caluga. As nenas e adolescentes levaban unha ou dúas trenzas soltas cun lazo. Usaban camisa ata os xeonllos no interior. Na parte do tórax a prenda era de lenzo e na parte de abdome e pernas, de estopa. Os puños e a tira do pescozo eran de liño máis fino. Por riba da camisa, o xustillo que cinguía e levantaba o peito, cuberto cunha chambra ou xubón e unha touca de lá tecida a man con amplos debuxos xeométricos cruzada ao peito, atada por detrás a cintura e deixando caer as puntas. A altura do abdome, refaixo de lá por riba da faldra da camisa.
A saia baixeira de baeta e por riba unha saia de mellor feitura acompañada dun mandil ou mantelo en algodón con deseño de cadros ou raias, recollendo o seu bordo no lado esquerdo do van. Prescinden de medias e levan camisa remangada e de liño basto. A saia, de lá, elévase do chan uns 20 cm. Ían descalzas, a excepción das traballadoras das lonxas, que levaban zocas para preservarse da humidade.
Na outra cara da moeda, as mulleres de clase social alta, que nos días de festa levaban enaugas, dengues e mantelos adornados con veludo e acibeche. Tamén están as vasquiñas, que eran saias de moito vo. Cubrían as pernas con medias de lá feitas a espita, de liño e as máis ricas caladas ou de seda, suxeitándoas coas atadeiras. Nos pés escarpíns, madroñas, ou zocos, e en días determinados zapatos.
Para gardar os cartos, amuletos e outros obxectos, a faldriqueira, que ía xeralmente situada debaixo das saias.
Agradecemos a colaboración do Museo Etnográfico Liste e de Elisa Pereira e Rocío Pino pola súa labor de investigación, a Asociación Cultural Tangaraño é a Colección de gravados Casariego, dos que facemos uso.