Ría de Vigo
O mar de Vigo
A ría de Vigo é o maior tesouro da cidade. A súa orixe, o seu motor, o seu pasado e futuro. De todas as rías galegas, a nosa é a que está máis ao sur das Rías Baixas e introdúcese na terra para mesturarse coa auga do río, mentres as ladeiras do val costeiro se elevan formando montañas ao borde da costa, debuxando miles de formas irrepetibles…
Fermosa sen dúbida e, ademais, única: a ría de Vigo está protexida polas Illas Cíes, un parque natural en medio do Atlántico e porta de acceso á ría de Vigo desde mar aberto.
Este é o noso paraíso natural: o mar de Vigo, coas súas augas calmas e unha riqueza mariña sen igual. Nela, flotan aliñadas as tradicionais bateas, nas que se cría o auténtico mexillón da ría de Vigo, e debúxanse as siluetas dos máis grandes transatlánticos do mundo.
Porque, ademais de bela, a ría de Vigo é a de maior calado de Galicia, o que a converteu nun dos principais portos de Europa e en capital da pesca.
Un lugar distinto a todos. Perfecto para vivir. Imprescindible para visitar. A que esperas para mergullarte na ría de Vigo?