Vigo Industrial
Onte e hoxe da historia industrial de Vigo
O Vigo industrial é unha das caras máis dinámicas e sorprendentes da maior cidade de Galicia. Por iso, descubrir Vigo a través das súas rutas industriais é unha das propostas máis atraentes ao teu alcance.
Pasaron séculos desde que os romanos conservaban peixes coa sal das súas fábricas de salgadura en Vigo, pero a fonte da actividade económica de Vigo, a día de hoxe, segue sendo o mar.
O despegue da industria conserveira no século XIX e a chegada de Citroën á cidade, xa nos anos 50, acabaron de debuxar o perfil industrial de Vigo.
Hoxe, Vigo converteuse no centro dunha potente industria naval, da pesca e da transformación e conservación do peixe. O porto de Vigo é un centro internacional de comercio e transportes, e tamén de recepción de cruceiros. Seguimos sendo unha cidade que vive de cara ao Atlántico e que se nutre da súa riqueza, tanto gastronómica como economicamente.
A historia industrial de Vigo marca en gran medida o desenvolvemento, a cultura e o carácter da cidade: naval, mariñeiro, innovador… E é o auténtico motor de Galicia.