COCIÑA DE NADAL CON SABOR A MAR
Tuesday, December 3 2019
O Nadal é o momento do ano no que familiares e amigos nos reunimos para gozar do mellor da nosa gastronomía. E se de algo sabemos en Galicia é de comer ben!!
A esta rica tradición de cociña galega, Vigo aporta o seu excepcional porto, que fornece de excelentes produtos do mar as lonxas e mercados.
Traslada a arte culinaria de Vigo á túa mesa, achégate ás prazas de abastos e viveiros da cidade, onde poderás mercar marisco fresco para preparar o teu menú de Nadal. Un día é un día! Tamén tes a opción do marisco conxelado, con prezos anticrise, grazas á nosa prestixiosa industria frigorífica. E se tes pouco tempo, non te preocupes, marisquerías e empresas de venda de marisco poden enviarche á casa o teu pedido xa preparado.
Se aínda non sabes que cociñar para estas festas, tal vez te inspire o noso recetario sobre como facer unha rica empanada de zamburiñas, unha tapiña de "polbo á feira" ou un delicioso rape á galega. Ah! e consulta os tempos de cocción de marisco.
E por suposto, non dubides en abrir unha botella de Albariño D.Ou. Rías Baixas ou un Ribeiro para acompañar estes ricos manxares. A maridaxe é perfecta!
Bo apetito!