FESTA DA BRINCADEIRA
Thursday, April 4 2024
Fai só unhas semanas da Festa da Reconquista, pero xa temos morriña! Por sorte, os veciños do barrio de Bouzas celebran do 10 ao 12 de maio a súa propia versión da Reconquista, a chamada Brincadeira, para rememorar o papel decisivo que tivo a por aquel entón vila independente de Bouzas na vitoria de Vigo sobre os franceses. Traxes de época e postos de artesanía ou comidas varias recibirán durante todo o día a locais e foráneos que queiran unirse á Festa.
Recordemos como foi a historia…
Abril de 1809, as tropas francesas toman o mando da cidade de Vigo. O alcalde de Bouzas, D. Cayetano Parada Pérez de Limia, ofrece ao seu gran amigo e alcalde da Vila de Vigo, D. Javier Vázquez Varela, a súa casa da Pardaíña para reunirse e utilizala como almacén de armas. Así foi como se organizou o asalto á cidade e a posterior expulsión das tropas napoleónicas.
D. Víctor Parada, fillo do alcalde de Bouzas e comandante das tropas do Val do Fragoso, non estaba de acordo con que seu pai participara no asalto debido á súa avanzada idade. D. Cayetano, moi firme, respondeu: “se son maior para loitar, tamén son maior para morrer”. Desde xeito, tomou o mando das tropas que librarían a batalla de Falperra.
A importancia dos veciños de Bouzas na Reconquista quedou constatada pola valía da súa milicia, que dende o seu atrio vixiaba a entrada de calquera galeón para notificalo ao alcalde e á cidade de Vigo.
Trala expulsión das tropas francesas celebrouse, na actual Praza de Urzáiz, unha festa na que se reuniron tanto a xente do mar como os campesiños da Vila, na que dende entón é recordada como Festa da Brincadeira.