A NOITE DE SAN XOÁN EN VIGO
Terça, 2 Junho 2026

A noite do 23 ao 24 de xuño, miles de fogueiras iluminan a noite de San Xoán para celebrar a chegada do solsticio de verán. Chega a “noite meiga”, unha celebración chea de ritos, tradicións, crenzas e supersticións, porque como dicimos en Galicia “meigas, habelas, hailas”. Aquí tes as 5 experiencias que non te podes perder:
PREPARAR O CACHO
Segundo a tradición, para preparar o “cacho” debe recollerse auga de sete fontes e engadirlle as “herbas de San Xoán”, que varían segundo a zona, pero non poden faltar: a herba Luísa, a menta, a hortelá, a herba salgueira, o romeu, a macela brava ou a falsa árnica.
O cacho hai que deixalo á intemperie toda a noite, para que lle caia o orballo. Á mañá seguinte, lavarse con esta auga é un ritual de beleza e de purificación; considérase que axuda a quitar o mal de ollo e que escorrenta a mala sorte e ás bruxas.
SALTAR A FOGUEIRA
Os días previos, os veciños de cada barrio van xuntando trastes vellos de madeira para queimalos a noite de San Xoán. A estes lumes atribúenselles facultades de protección e boa sorte. O ritual manda saltar sobre a fogueira tres veces. Este é un acto só para valentes, si non te atreves a saltar a gran fogueira, salta as pequenas que se preparan para o caso.
COMER SARDIÑAS ASADAS
Nesta noite máxica non poden faltar unhas boas sardiñas asadas á brasa e co punto de sal gordo, sobre unha rebanda de pan de millo ou centeo e acompañadas dun bo viño. En moitos dos barrios da cidade poderás degustar este manxar estival, o seu delicioso cheiro levarate ata elas.
GOZAR DUNHA QUEIMADA
En Galicia non pode faltar unha boa queimada durante a noite de San Xoán. Trátase dunha “poción máxica” preparada nunha ola de barro con augardente, limón e azucre. A súa preparación é outro dos rituais que non podes perderte: vaise queimando a augardente e movendo a chama cun cullerón, mentres se pronuncia o seu “conxuro”. Esta bebida non se toma co estómago baleiro, así que é o dixestivo perfecto para acompañar a tradicional sardiñada.
BAÑARTE NO MAR DE NOITE
A auga, é outro dos elementos imprescindibles durante esta noite. Bañarse no mar durante a noite de San Xoán, asegura saúde para todo o ano e diversión para todos os que participan.