VERNE EN VIGO
Quinta, 10 Fevereiro 2022
O escritor francés Jules Verne dedica á Ría de Vigo un dos capítulos de “20.000 leguas de viaxe submarina”, alimentando a lenda sobre o tesouro de Rande co seu popular personaxe Capitán Nemo e o non menos famoso submarino Nautilus, que lle permite abastecerse do ouro perdido baixo as augas na Batalla de Rande para financiar as súas aventuras.
Coñeceu a ría e Vigo anos logo de escribir a novela, cando buscaba refuxio dun temporal para o seu precioso iate Saint Michel III, de 31 metros de eslora. Arribou a ría o 1 de xuño de 1878 e, durante os días que estivo na cidade, recibiu o cálido aprecio dos vigueses, pola propaganda que a súa coñecidísima novela fai da Ría de Vigo.
Na súa segunda visita, seis anos despois, vén buscar axuda técnica, e préstalla o industrial vigués Antonio Sanjurjo Badía, propietario dos talleres A Industriosa, sitos no Areal, onde repara a avaría do iate. Non hai proba escrita da amizade que a tradición atribúe ao escritor e ao que, anos despois, construíu un submarino que baixou con éxito ás profundidades da nosa ría; pero o enxeñoso submarino de D. Antonio, -que se pode visitar hoxe no Museo do Mar de Galicia-, conta mellor que ninguén a capacidade viguesa de transformar en realidade os soños...
E de non esquecelos. No primeiro centenario da morte de Jules Verne, en 2005, a Asociación de Mulleres Empresarias de Pontevedra encarga e doa á cidade unha escultura en honor do escritor, obra do artista vigués José Molares. Está situada no Peirao do Comercio. Nela, Verne séntase sobre o lura xigante que na novela ataca ao Nautilus, e que está recreado con enormes tentáculos de bronce, que fan as delicias dos nenos que se fotografan sobre eles cando visitan Vigo.