O KIOSCO DAS ALMAS PERDIDAS

Turismo de Vigo

Xusto fronte á entrada ao porto pesqueiro de Vigo está o Kiosco das Almas Perdidas, a taberna que acolleu no pasado século a artistas e bohemios que non durmían a noite e a traballadores que tanto madrugaban, que o amencer os atopaba tomando o café con gotas de despois de comer; café ou o “Sol e sombra”, combinado capaz de evaporar a peor molladura dun temporal atlántico; ou a desesperanza dunha nova reconversión naval das que encarnou Luís Tosar no cine.

O seu evocador nome e a súa lenda atraen aínda hoxe a curiosos e artistas e a aqueles avezados turistas que veñen de mergullarse nunha visita de madrugada ao porto pesqueiro de Vigo. Logo de vivir unha noite portuaria con mariñeiros e patróns, algas, barcos, carrexonas e peixeiras, xeo, colectores, tinglados, peixes dos mares do mundo, pingueiras de augas salgadas, camioneiros e poxadores teñen a impresión de emerxer transformados do fondo do mar e do mundo secreto dos cadros de Urbano Lugrís... en un café quente axúdaos a recuperarse da emoción.

Etiquetas: