HAI UN VIGO QUE TE AGARDA NOS LIBROS...
Samedi, 30 mai 2020
A nosa historia literaria comezou co vaivén das ondas da ría de Vigo, que inspiraron o noso trobador medieval Martin Codax para compor as súas fermosas cantigas. Foi o azar o que quixo que, sete séculos despois da súa composición, en 1914, un libreiro chamado Pedro Vindel atopase os seus versos nun pergamiño que facía de forro dun exemplar do De Officiis de Cicerón.
Vigo foi musa para escritores de todo o mundo. Desde Jules Verne ata os últimos best-sellers de Domingo Villar, pasando por Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares, a cidade foi escenario literario e fonte de inspiración de historias de amor, de intrigas, lendas de piratas e aventuras policiais.
Que mellor homenaxe á nosa literatura e aos seus creadores que perderse entre as páxinas de Ollos de auga de Domingo Villar no Puerto, a súa taberna favorita, ler a Martin Codax xunto as Ondas do mar de Vigo no Auditorio Mar de Vigo ou, simplemente, sentar na alameda da praza de Compostela a ler os poemas de Rosalía de Castro.