VÍSTETE DE RECONQUISTA (HOME)
Segunda, 21 Fevereiro 2022
A falta de documentación impide coñecer de forma exhaustiva o que podería ser o traxe dos nosos antepasados alá polo 1809. Aínda así, e a través de documentación escrita, gravados e cadros podemos facer un estudio aproximativo.
En tódalas épocas as clases sociais e os diferentes gremios de artesáns distinguíanse pola súa vestimenta, xa que canto maior era o nivel adquisitivo, mellores prendas aparecían e se ían mesturando con outras.
Os homes, levaban pucho de lá, monteira baixa ou sombreiro de palla. Nos días de festa e debaixo da monteira podían levar un pano de seda. Levaban o pelo curto e ás veces deixaban dúas longas guedellas aos lados que lles encadraban a cara. Tamén era costume deixar bigote e patillas. Usaban camisa de liño coas mangas arremangadas, chaleco de pano ou lá.
A chaqueta era de pano de cor negra, con remontas e a faixa de cor vermella, confeccionada en lá, enrolada á cintura para abrigarse por riba do chaleque ou xubón. En días de frío, ademais, adoitaban levar un chaleco interior con mangas. Por riba, o chaleque, os de diario de picote, estopa, baeta e os de festa de pano de lá con adornos de veludo ou de xénero de brocado e chaqueta curta, afrancesada ou máis longa e con remontas.
Nas pernas, cirolas, xeralmente longas ata os pés atadas con cinta ou curtas que caían por riba das polainas. Logo vestían o calzón curto ou longo que podían levar remontas como as da chaqueta xeralmente non deixaban ve-las polainas. Nos pés e pernas tamén puñan medias de lá, escarpíns e zocos ou tamancas.
Destacan como complementos o reloxo de faldriqueira.
Os mariñeiros levaban chaquetóns, pantalóns grosos e suestes, sombreiros dos homes de mar.
Agradecemos a colaboración do Museo Etnográfico Liste e de Elisa Pereira e Rocío Pino pola súa labor de investigación, a Asociación Cultural Tangaraño é a Colección de gravados Casariego, dos que facemos uso.