Turismo de cruceiros
Vigo é o destino de turismo de cruceiros máis importante do noroeste de España, con máis dun centenar de escalas ao ano e superando os 250.000 pasaxeiros.
O Porto de Vigo é unha escala imprescindible nas rutas dos grandes cruceiros que percorren a costa atlántica europea e o quinto porto de cruceiros da península. Tamén é membro da Cruise Europe, a organización que agrupa os principais portos do continente en tráfico de cruceiros.
Chegar a Vigo en cruceiro é unha experiencia diferente, xa que é o único gran porto que está aloxado nunha ría: a famosa ría de Vigo. Destaca polo seu gran Peirao de Transatlánticos, coa súa histórica Estación Marítima reconvertida en Terminal de Cruceiros. O seu interior conta con todos os servizos que pode necesitar un cruceirista (salas de espera, información turística, wifi gratuíto, etc.) e, no aspecto máis técnico, os seus controis de embarque cumpren todos os estándares internacionais de seguridade.
A Terminal de Cruceiros de Vigo ofrece un desembarco no mesmo centro da cidade, nun contorno axardinado e amable para o acabado de chegar, con fácil acceso a todo tipo de medios de transporte. Así mesmo, para as escalas curtas, Vigo ábrese ao cruceirista a través dun gran centro comercial, A Laxe, situado no mesmo peirao e no que encontrará de todo: as marcas de moda españolas, firmas galegas, complementos, xoguetes, regalos, electrónica…
Os peiraos de embarque están habilitados para a aproximación de autocares cos que organizar visitas guiadas, hai paradas de taxi e autobús urbano a apenas uns metros da Terminal de Cruceiros e, da súa porta principal ata o barrio histórico de Vigo, non distan máis de 200 metros a través dunha pasarela peonil.
A cidade ofrece ademais servizos e rutas especiais para cruceiristas que queiran gozar das súas horas de escala en Vigo para coñecer os seus recunchos máis fermosos, probar a súa deliciosa gastronomía e visitar algún dos seus museos. Outra das grandes atraccións é o bus turístico de Vigo, que ofrece información en varios idiomas e un completo percorrido da cidade.
Vigo é tamén un lugar perfecto para iniciar unha viaxe en cruceiro polo Atlántico. Nos últimos anos, varias navieiras comezaron a ofrecer Vigo como porto base dos seus buques, rexistrándose en 2011 máis de 5.000 embarques. A localización de Vigo, nun punto estratéxico para Galicia e o Norte de Portugal, converte o seu porto en especialmente atractivo tanto para a chegada de cruceiros como para o embarque de pasaxeiros captados dun mercado potencial de máis de 6 millóns de habitantes.
Por último, e aínda que nunca é desexable, os hospitais e servizos de emerxencias en Vigo están preparados —e así o veñen facendo regularmente— para evacuar en helicóptero a calquera cruceirista dos transatlánticos que navegan fronte á ría e que requira asistencia sanitaria.
Máis información: http://www.apvigo.es
Listado de próximos atraques http://www.apvigo.com/control.php?sph=a_iap=1110%%p_rpp=1
Vigo na Cruise Europe: http://www.cruiseeurope.com/port-contact/vigo