CASTRELOS,
ESPLENDOR BARROCO
A Gran Vía e as Camelias conflúen na praza de América. Nela
encontraremos o primeiro instituto que existiu en Vigo, o Santa
Irene, cuxo reloxo sinala aos vigueses a chegada do novo ano, e
tamén o Centro Comercial Camelias. Estamos nas Travesas, outra das
zonas clave de Vigo. A escultura A porta do Atlántico, de Silverio
Rivas, marca a intersección dunha
serie de grandes avenidas: a Gran Vía,
as Camelias, a rúa Coruña, Castelao,
a Florida, Fragoso e Castrelos. Rivas
homenaxea os emigrantes que saíron
cara a América desde o porto de
Vigo ata ben mediado o século XX.
Emprender un pequeno paseo pola
avenida de Castrelos permitiranos
coñecer o Pazo Museo Quiñones de
León. E preto está tamén o estadio de
Balaídos. Se o noso desexo de camiñar
for maior ou se collermos un autobús, as
praias e Bouzas estarán ao noso alcance
ao final da avenida de Castelao ou
baixando pola rúa Coruña e seguindo a
avenida que bordea os estaleiros.
O Pazo Museo Quiñones de León, no barrio de Castrelos, é unha
das xoias de Vigo. A súa finca, de 24,3 hectáreas, forma un parque
atravesado polo río Lagares, cheo de fermosos recantos que nalgunhas
partes resultan avesíos por mor dunha mesta vexetación onde non
faltan árbores centenarias das máis variadas especies. O parque posúe
un auditorio ao aire libre que en verán convértese nunha cita obrigada
ao celebrárense concertos de todos os estilos musicais.
*No plano, zona E-5
26