Página 23 - Mar de Vigo

Versión de HTML Básico

Se tomarmos o camiño da rúa Policarpo Sanz e avanzarmos despois
por García Barbón, veremos que a tónica xeral é unha sucesión de
edificios de fachada ben labrada. Son exemplos da arquitectura
ecléctica, como o edificio García Barbón (1926), hoxe sede do
Centro Cultural Novacaixagalicia, obra de Antonio Palacios. Ao
seu lado, a Casa das Artes (de estilo racionalista) de Romualdo de
Madariaga e a Sala de Exposicións Novacaixagalicia, que completa
a súa oferta cultural na cidade co Centro Fraga Novacaixagalicia, a
menos de cinco minutos.
Tamén en Policarpo Sanz encontramos a Fundación Pedro Barrié
de la Maza e o Centro Social Novacaixagalicia, situado na antiga
Casa Bárcena, construída por Jenaro de la Fuente entre 1879
e 1883. Talvez o edificio máis importante deste arquitecto
valisoletano sexa o coñecido como Casa Bonín (1910), con fachada
moi ornamentada e situado na esquina da rúa do Areal coa rúa
Porto. De la Fuente e Pacewicz asinaron as mellores edificacións
levantadas no período de transición entre séculos; o seu estilo é
elegante, señorial e ornamentado para lucimento dos excelentes
canteiros locais.
Verémolos na praza de Compostela e nas rúas de Urzáiz, Carral,
Policarpo Sanz, Montero Ríos, Areal e García Barbón. Son edificios
que testemuñan a riqueza e o esplendor co que esta cidade entrou
no século XX. Cunha puxante construción naval, unha frota pesqueira
que faenaba en todos os mares e unha industria conserveira que non
tiña rival en ningún lugar do mundo: o 95% das fábricas de conservas
de peixe de toda a Península Ibérica tiñan a súa sede na Ría de
Vigo. O esforzo altruísta de persoas que fixeron grandes fortunas
en América deixou á cidade importantes legados, como os de
Policarpo Sanz e José García Barbón. Na súa memoria e homenaxe os
vigueses nomearon dúas das súas rúas máis importantes. Ao comezo
da rúa de García Barbón sitúase a Escola de Artes e Oficios, fundada
orixinariamente co patrocinio de José García Barbón.
23