PORTA DO SOL,
PUNTO DE ENCONTRO
Nada máis abandonar a praza da Constitución, estaremos na Porta
do Sol, antiga porta da muralla que hoxe constitúe o punto de
encontro central de Vigo, nexo entre a zona histórica e o ensanche.
Ao seu carón, a Praza da Princesa comparte o mesmo espazo aberto
que preside a impoñente escultura do
Sereo
, de Francisco Leiro.
Este sereo olla para o mar, alleo aos coches que circulan sobre o eixo
que atravesa a cidade de leste a oeste. Se remontarmos pola rúa
Elduayen, chegaremos ao paseo de Alfonso XII. É unha rúa moi curta,
pero imprescindible para calquera paseante, pois nela encóntrase
o principal símbolo da cidade: a oliveira. É un balcón urbano desde
o que se pode acompañar o rumbo de todos os barcos que entran
e saen do porto. Se desde a Porta do Sol avanzarmos cara ao leste,
nun radio de dez minutos a pé encontraremos as sedes de todas
as entidades financeiras, os consulados e as principais salas de
exposicións e centros culturais.
A Casa Galega da Cultura está situada mesmo ao pé do Sereo, na
Praza da Princesa. Se cruzarmos o Arco de Quirós, daremos coa
Biblioteca Central. A poucos pasos, no centro da zona vella, están a
Torre de Ceta e a Casa de Pazos Figueroa, sedes do Instituto Camões.
Cruzamos a Porta do Sol e encontrámonos coa rúa peonil do
Príncipe. Nos seus edificios e nos adxacentes case cada portal é un
establecemento comercial: tendas de moda, cafetarías, xoiarías,
librarías, perfumarías...
Paralela a Príncipe, encóntrase a rúa de Policarpo Sanz, que é todo un
catálogo da arquitectura do último cuarto do século XIX e do primeiro
do XX. O edificio «El Moderno», asinado polo arquitecto francés de
orixe polaca Michel Pacewicz sitúanos en 1897, en pleno eclecticismo.
*No plano, zona E-2
22