37
O arquipélago das Cíes está composto por tres illas. Dúas delas,
a illa Norte ou de Monteagudo e a Illa do Faro, están unidas por
un areal que forma unha pequena lagoa. A terceira, a illa Sur
ou de San Martiño, está separada e non conta con servizo de
transporte público regular.
Na estación marítima de ría ou no teléfono 986 224 757
pódese obter información sobre os requisitos esixidos para
acceder ao Parque Nacional. Non é posible, por exemplo,
viaxar con mascotas. Xa nas illas, un centro de recepción de
visitantes, ao pé do peirao, facilita máis información sobre
todas as posibilidades que se ofrecen ao viaxeiro.
Diríase que o ser humano nunca pisou estas praias de area
limpa e fina que canta baixo os nosos pés ao camiñar, que nunca
admirou estas augas cristalinas que permiten a visión dun fondo
mariño cheo de vida. Alén dos areais, entre os que non falta
unha praia nudista —a dos Alemáns—, as Cíes ofrecen rutas de
sendeirismo e puntos de observación de aves. Estas illas son
Parque Nacional desde 2002 e xa foran declaradas Parque
Natural en 1980.