Página 20 - Mar de Vigo

Versión de HTML Básico

A procesión abandona a concatedral e emprende o seu camiñar a
paso solemne pola rúa Real, ateigada de pequenos bares e tascas
de antiga tradición mariñeira. A rúa Real é a quintaesencia do Vigo
Vello. Nun dos seus edificios estivo a imprenta Compañel, onde se
imprimiu a primeira edición dos Cantares gallegos de Rosalía de
Castro. As pequenas canellas que conflúen nesta rúa amósannos a
típica arquitectura mariñeira dos séculos XVII, XVIII e XIX. Ao final,
ábrese ante nós á ribeira do Berbés, que no pasado era un bulir de
peixeiras, mariñeiros e tratantes, sempre a regatear para conseguir
o maior prezo polo esforzo da noite. Hoxe, o mar xa non chega ata
as casas e o porto pesqueiro dispón de modernas lonxas de baixura
e altura, onde a tecnoloxía máis avanzada facilita as transaccións
entre os patróns de pesca e os exportadores de peixe. Así e todo,
o Berbés, cos seus soportais, ficou impregnado desa historia. Aquí na
noite de San Xoan organízase a máis grande cacharela da cidade e
este é tamén o escenario doutras festas relixiosas que nos devolven
ao tempo en que o Berbés era o centro da vida viguesa.
20