Página 14 - Mar de Vigo

Versión de HTML Básico

A de Rande non será a última batalla, pois en 1809 os vigueses fan
fronte á invasión francesa e expulsan o exército de ocupación o 28
de marzo dese mesmo ano. Desde entón, conmemórase nesa data a
Reconquista da cidade.
Se o visitante chega a Vigo en plena celebración, poderá asistir á
recreación daqueles feitos con centos de persoas vestidas coas
roupas da época —franceses e españois— e un mercado á antiga
usanza no que non falta nin un cego a recitar os seus romances ao
son da zanfona.
Polo seu papel na Reconquista, a vila mariñeira
convértese en cidade en 1810. En 1869,
desprenderase das súas murallas, que a convertían
nunha praza forte de forma irregular accesible por
sete portas: do Sol, da Laxe, do Pracer, da Gamboa,
da Falperra, do Mar e do Berbés. As fortificacións
foran levantadas como defensa contra os saqueos dos
piratas e doutros inimigos estranxeiros.
A súa demolición permitiu que a cidade crecese
sobre o mar, por onde hoxe están a praza de
Compostela e a avenida de Montero Ríos.
As industrias de salga e as primeiras conservas
instálanse no barrio do Areal. Trázanse os eixos urbanos
sobre os que crecerá a cidade: cara a Madrid pola rúa
do Ramal —hoxe Colón—, subindo por Urzáiz, que se
chamaba antigamente estrada de Villacastín, e cara
a Pontevedra, por Policarpo Sanz e García Barbón.
A ribeira do Berbés na actualidade
14