Vigo de onte a hoxe

A cidade a través de 7 séculos

Os edificios históricos do Vigo de onte ao de hoxe ofrécennos todo un paseo no tempo. Entre o inmoble máis antigo do barrio histórico da cidade, a Casa de Ceta ou Arines, do século XV, e a rompedora sede do Colexio de Arquitectos, esta ruta polo mellor da arquitectura viguesa engloba varios séculos. É un percorrido cómodo de pouco más de 3 km que, coa información interactiva dos edificios, permite unha panorámica xeral da arquitectura en Vigo, desde o gótico tardío ata as últimas construcións pasando polo eclecticismo, modernismo e racionalismo que deixaron as súas pegadas na cidade.

A ruta comeza xunto ao Peirao de Transatlánticos e ascende polo centro do barrio histórico, onde xunto á Colexiata, álzase a citada Casa de Ceta. Desde alí, o percorrido introdúcese pola Porta do Sol na cidade que a finais do século XIX se expandiu  creceu ao abrigo da burguesía local de éxito: nas rúas Policarpo Sanz e García Barbón, son numerosos os exemplos de edificios señoriais en pedra como o Teatro García Barbón, de principios do século XX e obra do arquitecto Antonio Palacios, ou o edificio Sanchón.

Avanzando polo eixo que constitúe a milla de ouro da arquitectura viguesa e introducíndonos polas rúas que hai á dereita, atopámonos arquitectura posterior, como o pequeno edificio racionalista que se alza na praza de Portugal ou, algo máis arriba, xa na gran rúa Urzáiz, o paradigmático edificio de La Peineta.

Volvendo cara atrás, en liña recta, esa mesma rúa Urzáiz enlaza coa rúa Príncipe, a principal arteria peonil e de compras da cidade. Iníciase, á esquerda, co Museo de Arte Contemporánea, antigo cárcere e xulgado e edificio tamén de singular planta radial. O outro extremo desta rúa, en dirección cara ao punto de inicio da ruta, está marcado pola nova e eloxiada sede do Colexio de Arquitectos. As súas paredes e cristaleiras asimétricas e fragmentadas contrastan vistosamente coa arquitectura señorial da primeira parte do percorrido.

Descargar o folleto en PDF: http://issuu.com/turismodevigo/docs/vigo_de_ayer_y_hoy

Pistas e recomendacións: 

Moitos dos elementos arquitectónicos máis significativos están a gran altura, nas cornixas ou remates dos edificios. Se lembras mirar cara arriba cada certo tempo, levarás agradables sorpresas.

As pequenas prazas existentes a ambos extremos da rúa Príncipe, tras o Museo de Arte Contemporánea e xunto ao Colexio de Arquitectos, son tranquilos lugares nos que poder facer un alto.

 Boa parte dos edificios desta ruta albergan museos e salas de exposicións de carácter gratuíto que permiten tanto contemplar a súa arquitectura desde o interior como acceder a propostas expositivas sempre interesantes.

Galería de imaxes: 
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo
Turismo de Vigo

Información práctica

Distancia: 3 quilómetros.

Duración do percorrido: unha hora e media con paradas.

Dificultade: media.

Tipo de ruta: circular.